Wednesday 15 de May de 2024

Medio Ambiente estuda colaborar cos comerciantes coruñeses co fin de mellorar a xestión dos residuos no contexto actual da economía circular


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co presidente e membros da directiva da Federación Unión de Comercios Coruñeses, na que abordaron, entre outras, medidas para reducir as bolsas dun só uso

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estuda colaborar cos comerciantes coruñeses co fin de mellorar a xestión dos residuos no contexto actual da Economía Circular. Así o manifestou a responsable do departamento autonómico, Beatriz Mato, logo de reunirse co presidente da Federación Unión de Comercios Coruñeses (FUCC), Adolfo López, e membros da directiva, con quen abordou, entre outras, medidas para reducir as bolsas dun só uso.

No Día Mundial sen bolsas de plástico, a responsable do departamento autonómico recordou que, en España, cada persoa emprega unha media anual de 283 bolsas, que tardan máis de 400 anos en degradarse no mar; e ao que lle temos que engadir que xeramos máis de 100.000 toneladas de residuos con compostos plásticos. Son cifras, sinalou Beatriz Mato, que indican “temos moito por facer, de feito, desde a Consellería de Medio Ambiente estamos a traballar xa na definición da estratexia que será a nosa folla de ruta vinculada á sustentabilidade, onde haberá un apartado específico para a loita contra o plástico”.

Na mesma liña, indicou Beatriz Mato, “temos claro que un dos retos aos que nos enfrontamos os coruñeses e os galegos é o da implantación da Economía Circular, como unha alternativa ao actual modelo de produción e consumo de recoller, fabricar e tirar”. Así, mellorar a xestión dos residuos é un bo comezo para alcanzar este obxectivo, polo que Mato Otero animou ao sector a reducir o máximo posible a produción de refugallo “e, cando sexa posible, obter o seu máximo aproveitamento convertendo os restos en novos recursos”.

Neste senso, apostou por unir esforzos e traballar da man na implantación de mellores técnicas dispoñibles para a xestión dos residuos, así como a diminución do perigo e do volume que estes poden alcanzar; e a redución das bolsas de un só uso mediante campañas informativas e de sensibilización.

Protección dos recursos naturais
A responsable de Medio Ambiente e o presidente da FUCC coincidiron na importancia de optimizar e protexer os recursos naturais, polo que Beatriz Mato invitou ao sector a sumarse á campaña de concienciación polo consumo responsable da auga. É necesario recordar que a Comunidade galega permanece en situación de prealerta polo baixo caudal circulante dos ríos. Pese a iso, o abastecemento á poboación está garantido, mais, como indicou a conselleira cómpre manter unha actitude de colaboración e sensibilización co uso axeitado deste recurso”.

Por último, Beatriz Mato destacou o traballo da Federación Unión de Comercios da Coruña, que cualificou como un “actor fundamental da economía local”, pois aglutina a 16 asociacións que representan a preto de 3.000 establecementos con sede na cidade. Trátase, polo tanto, segundo sinalou a conselleira da entidade “máis representativa do comercio coruñés, polo que consideramos relevante escoitar e ser escoitados co idea de tender pontes cara a futuras colaboracións que redunden na calidade ambiental e na xestión integral dos residuos”.